Feito por Álvaro C., Álvaro D., Andrea e Micaela.
Millóns de adolescentes no noso planeta, de entre 12 e 15 anos, están privados do seu dereito á educación.
Un informe, financiado pola Asociación Global para a Educación (2012), mostra que a medida que os nenos crecen, aumenta o risco de non comezar nunca a escola ou de abandonar os estudos.
En total, 121 millóns de nenos/as e adolescentes nunca acudiron á escola nin abandonaron a escola, a pesar da promesa da comunidade internacional de acadar a Educación para Todos/as en 2015. Os datos mostran que desde 2007 avanzouse pouco na redución deste número.
Os nenos/as que viven en zonas de conflito, os que sofren discriminación por motivos de etnia, xénero e discapacidade, son os máis afectados. Tamén hai unha crecente preocupación de que os logros obtidos no acceso á educación se deterioren sen un cambio fundamental nas políticas e os recursos.
Para afrontar problemas globais como o cambio climático, o esgotamento dos recursos naturais ou as desigualdades sociais e económicas, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas adoptou en 2015 a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, unha alianza mundial para que os países e as súas sociedades emprendesen un novo camiño co que mellorar a vida de todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás.
A UNESCO e outras organizacións internacionais coinciden en sinalar que a educación representa unha estratexia esencial na consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). A educación está explicitamente formulada como un obxectivo independente no Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4, que propón garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas.
Algunhas das metas do ODS 4 que se deben alcanzar en 2030 son:
• Asegurar que todas as nenas e nenos terminen o ensino primario e secundario,
• Eliminar as disparidades de xénero na educación,
• Asegurar o acceso igualitario a todos os niveis de ensino
• Velar por que todos os mozos e mozas estean alfabetizados e teñan nocións elementais de aritmética e coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o desenvolvemento sostible.
Pero a educación, ademais de ser un obxectivo integral da Axenda 2030, é recoñecida como un facilitador clave para o logro de todos os demais ODS. Neste sentido, a educación é crucial para transformar a nosa forma de pensar e actuar en prol da sustentabilidade e debe facilitar aos alumnos/as os coñecementos, habilidades, valores e actitudes que os empoderen para contribuír co desenvolvemento sostible.
Se non actuamos, 25 millóns de nenos e nenas nunca irán á escola.